12 ene 2012


O PARTIDO GALEGUISTA DEMÓCRATA
                                                              
MOCIÓN PARA O NOMEAMENTO DUNHA ROTONDA, RÚA, GLORIETA OU OUTRA INFRAESTRUCTURA CO NOME DE ISAAC DÍAZ PARDO

A figura de Isaac Díaz Pardo, recentemente falecido, levou consigo unha das persoas sobranceiras da nosa cultura que vai pechando un ciclo da nosa historia. Viviu e compartiu o galeguismo no seu orixe e naquel obradoiro do seu pai, Camilo Díaz Baliño, coñeceu á figuras universais da nosa historia como Otero Pedraio, Castelao, Cabanillas, Risco, Vilar Ponte e moitos máis que xuntos arrincaron do esquecemento a Galicia intelectual.  O seu compromiso con Galiza iníciase en 1936, cando participa activamente na campaña a favor do Estatuto de Autonomía e continuará facéndoo coas ideas que traerá de Bos Aires. Xunto co pintor e escritor Luis Seoane, tratará de impulsar a recuperación económica e cultural da terra co Laboratorio de Formas e o Grupo Sargadelos. Dende a humildade, coa que sempre se caracterizou, seguiu contribuíndo a dignificación de Galicia ao crear as Cerámicas do Castro, a súa editorial ou o Museo Carlos Maside. A inxente actividade rexeneradora promovida polo intelectual galeguista atinxe a todo tipo de actos e iniciativas en que se plasma a súa idea, afastada das visións folcloristas, dunha nación galega proxectada cara o futuro. Foi artista,  editor,  empresario, e ante todo foi unha desas persoas que construíron un país, unha cultura, unha forma de entendela dende a universalidade, pois a súa vida foi unha obra en si mesma. Por todo elo, o PDG somete a consideración do Pleno a aprobación do seguinte acordo:

Nomear unha glorieta, rúa ou outra infraestrutura municipal nos concellos e instar a FEGAMP a  que faga o comunicado a todos os concellos  de Galicia a que opten pola mesma iniciativa  que hoxe se propón.

Partido Galeguista Demócrata
11 de xaneiro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario