24 mar 2012


MANIFESTO POLA UNIDADE DO CENTRO GALEGUISTA
O galeguismo está a vivir un momento que sen dúbida podemos calificar de histórico. Nos vindeiros meses asentaranse as bases dos partidos que defenderán no futuro as verdadeiras intereses de Galicia e do pobo galego.
É por este motivo que os partidos nos que militamos non deben quedar á marxe de tal proceso histórico. Asi o expresa a militancia redactando e asinando este manifesto, que non tén outra finalidade que a de axudar a estabilizar e darlle forza ás ideas que defendemos para que no medio dos grandes movementos que se están a dar na reagrupación da esquerda, non perdamos a nosa personalidade política.
Os asinantes deste documento non se declaran en contra dunha posible colaboración con colectivos que fagan un esforzo dende a esquerda moderada por se achegar a nós se o fan respectando os nosos posicionamentos como iguais aos seus, e non considerándoos como un mero complemento para se poderen definir como “forza transversal”, a costa da nosa dilución absoluta. Se ben, a militancia aquí representada afirma considerar que estas colaboracións, e sempre baixo as condicións axeitadas, son un obxectivo secundario nestes momentos nos que o sentido común chama á moderación e á templanza, atributos estes que nos caracterizan como partidos centrados que somos.
Consideramos, polos motivos expostos, que nestes momentos é prioritario que os nosos partidos se posicionen defendendo as ideas polas que traballamos ao longo destes ultimos anos. Consideramos tamén que esta defensa atopa, na situación actual, unha oportunidade histórica para converter un proxecto coma o noso nunha opción con corpo definido e con verdadeiras posibilidades de conectar con amplos sectores da sociedade galega, sen renunciarmos a ser quen somos nin a pensar como pensamos. Fagamos que a nosa personalidade e as nosas firmes conviccións se convirtan nun referente para moitos galegos que dende hai xa máis de vinte anos agardan pola aparición dun proxecto desta natureza.
Con esta fin, as militancias de ConverxenciaXXI, Partido Galeguista Demócrata, Terra Galega, Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista e Converxencia Galega instan ás respectivas executivas nacionais destes partidos a avirse a unha achega entre elas para comezar canto antes negociacións e posibilitar un traballo conxunto de cara ás vindeiras eleccións autonómicas. Este traballo conxunto poderáse levar a cabo, ao noso xuicio, ben como unha coalición de partidos, ou ben como unha fusión completa e duradeira, levando a unha unión verdadeira das militancias baixo unhas novas siglas nas que todos nos vexamos representados.
A decisión final déixase, independentemente do expresado pola militancia, á vontade das executivas, se ben non deixamos de lembrar que canto máis forte e consistente sexa o movemento de achega das nosas forzas, con maior intensidade se fará ver dende a sociedade e con maior probabilidade estaremos en condicións de ser referencia para outras forzas afíns ás nosas, posibilitando a súa achega nun futuro inmediato. So unidos e reforzados deste xeito poderemos ademáis estar en condicións de colabrar con outros colectivos sen risco de que se minusvalore ou ignore a opción que representamos.
Aproveitemos este momento histórico para amosarlle á sociedade e aos outros proxectos que as unións son posibles cando existe unha vontade boa e xenerosa para ca nosa terra Galicia! Convirtámonos na base dun novo e grande proxecto galeguista con probabilidades de medrar e de acoller a proxectos e militancias irmáns que semellan dubidar ante a falta dun referente claro. Sexamos ese referente! Viva a liberdade, viva o galeguismo e viva Galicia!

No hay comentarios:

Publicar un comentario